O Interrías acada un valioso empate fronte ó Noia

SANXENXO> Deu comezo a competición no futbol sala. O Viajes Interrías de Sanxenxo debutou na casa fronte ó Noia co que acadou un empate (5-5). Gran inicio dos de Ramiro López ante un dos rivais máis complicados cos que se van atopar este ano.

Gran imaxe a que deixou o Viajes Interrías no primeiro encontro de liga ante o Noia, un conxunto que se presume dos da parte alta da táboa.

O encontro foi igualado de comezo a fin, como reflectíu o marcador (5-5). O ritmo de xogo foi altísimo, sobre todo na primeira metade, na que ambos xogaron con gran intensidade. Lito e Manolete fixeron os tantos do Interrías mentres que Charlie asinou os goles visitantes antes do descanso ó que se chegaría cun marcador de 2-2.

A expulsión de Pibe fixo que os portonoveses contaran cunha rotación menos no segundo tempo, polo que baixaron o ritmo físico e o dominio pasou a ser do Noia. Pese a iso, souberon repoñerse e remontar nos derradeiros minutos un partido que se lles puxera moi costa arriba. Lito, Pedro e Manolete puxeron o 5-4 no electrónico a falta de pouco máis dun minuto. Cando a victoria semellaba que podía quedar na casa, un erro defensivo propiciou o empate do Noia, acadado por Diego Pernas.

Con todo, o punto que suma o Viajes Interrías neste arranque e a imaxe deixada, convida ó optimismo. A vindeira xornada deberanse enfrontar ó Lobelle B.

A semana que ven principia a liga na Primeira Nacional B, que este ano contará coa participación de doce equipos, entre eles o Grupo Junquera. Os vilagarciáns debutarán o sábado en Fontecarmoa fronte ó Bueu.

Redacción Salnés