Cabo de Cruz mantén a sétima praza da xeral na ACT

BOIRO> A traíña crucense acadou dous meritorios sextos postos esta pasada fin de semana na dobre cita de Zarautz. Disputadas xa máis da metade das probas deste ano, Cabo de Cruz segue asentada na sétima praza da clasificación da Liga ACT-San Miguel con 89 puntos. A tan só tres puntos dos crucenses, con 92, sitúase Tirán, a mellor embarcación galega clasificada ata o de agora. Nas últimas dúas probas disputadas esta pasada fin de semana en augas de Zarautz, os boirenses repetiron posto, acabando as súas regatas nunha máis que meritoria sexta praza. Na do sábado os crucenses quedaron por diante de Tirán, pero na xornada de onte non foron quen de superar ós vigueses, vivíndose un máis que apaixonado duelo entre as dúas embarcacións. Por riba, a moita distancia das embarcacións galegas, hondarribia, urdaibai e Kaiku que volveron a copar as primeiras prazas nestas dúas regatas. A próxima fin de semana a Liga ACT continuará por terras vascas coa disputa das bandeiras de Hondarribia, o sábado, e Portugalete, o domingo.