As lesións cébanse cun Vilalonga en horas baixas

SALNÉS> Vilalonga e Portonovo buscarán a victoria o domingo para tentar saír da parte baixa da xeral. Os celestes desprázanse a Ordes mentres que o Vilalbés visita Baltar.

Toca remontar o vóo. Mesmo obxectivo nunha e noutra beira do concello de Sanxenxo para dous equipos que están iniciando a liga como non querían nin agardaban.

Se a semana pasada foi o Portonovo quen visitou ó pechacancelas, desta volta tócalle ó Vilalonga, que rinde visita ó Ordes. E faino con innumerables baixas, comezando pola portería. Roberto Pazos aínda non pode actuar, mentres que César e Adrián Malleiro arrastran molestias que lles poderían impedir estar na cita do domingo.

Por se fora pouco, na liña defensiva, Leo sufre unha microrrotura fibrilar que lle fai estar descartado, ó igual que Fran Matos, ó que lle quedan tres meses de recuperación. Avendaño tamén é dúbida para Vista Alegre.

A todas estas baixas hai que sumarlles dúas en mediocampo: a de Jesu, por sanción, e a de Jacinto. Este último abandonou o equipo tralo encontro do domingo pasado ante o Alondras e non se adestrou durante toda a semana. As razóns desta espantada son aínda unha incógnita.

Con este panorama, Gabi Leis e os xogadores restantes intentarán sacar forzas de fraqueza para traerse os tres puntos dun campo que históricamente non se lles dá ben.

Por outra banda, o Portonovo recibe a visita do Rácing Vilalbés, un conxunto que de momento está sorprendendo polo seu bo rendemento, sobre todo fóra da casa. Gañou por 0-3 os dous partidos que xogou ante Rápido de Bouzas e Santa Comba. Enfronte o Portonovo, o peor equipo da competición como local. Os de Ricardo queren rematar canto antes con esa maldición que non lles permite gañar diante dos seus e comezar a facer un fortín de Baltar.

Portonovo e Vilalbés enfrontáronse en tres ocasións cun balance dunha victoria para cada un e un empate.

Redacción Salnés