Cambados-Arosa: obxectivo, recuperarse e afundir ó rival

SALNÉS> Na Terceira, o Portonovo recibe en Baltar ó Racing de Ferrol, mentres que o Vilalonga buscará a victoria no campo do Cultural Areas. A Preferente deixaranos o derbi entre os derbis en Burgáns. Enfróntanse Cambados e Arousa.

O máximo candidato ó título de liga visita Baltar. O Racing de Ferrol é a día de hoxe un equipo case imparable na Terceira, pola calidade dos seus xogadores, moitos deles con experiencia na 2ªB, e polo seu caudal ofensivo, xa que promedian case tres goles por encontro. Por frenar o ataque visitante pasan as opcións dun Portonovo que precisa dunha victoria importante para confirmar a súa melloría. Das tres veces que ambos equipos se enfrontaron na Terceira, en ningunha delas puido gañar o Racing. Un dato que fala a favor dos de Jacobo Molina que precisan canto antes sacarse o peso de enriba que significa non ter gañado aínda na casa. Qué mellor cousa que facelo ante o líder para espantar esas pantasmas.

O Vilalonga visita ó Cultural Areas con folgos renovados, logo de ter sumado 7 dos últimos 9 puntos en xogo. Ademais, o plantel cobrou esta semana a segunda mensualidade que o club lle adebedaba. Iso sí, as baixas de Abraham e Avendaño trastocan os plans de Gabi Leis, polo que Miguel e Tachi perfílanse como parella de centrais con Nelo no pivote xunto a Jesu. Un partido importante para os celestes, xa que o Areas a día de hoxe é un rival directo pola permanencia.

Na Preferente, Cambados e Arosa volven atoparse en Burgáns, ambos coa necesidade imperiosa de vencer para escapar dos postos baixos da xeral. Os locais, en prazas descenso, suman oito partidos sen gañar, mentres que os vilagarciáns só o fixeron unha vez nas últimas sete xornadas. Tanto Ángel Oliveira como Lino González poderán contar con tódolos seus efectivos para este choque.

O conxunto máis en forma do Grupo Sur, o Sanxenxo visita ó Porriño, rival da zona baixa pero en liña ascendente. A fortaleza defensiva dos de Calucho mídese ó peor ataque da liga, con seis goles en once partidos.

O Ribadumia busca recuperar a senda do triunfo logo de dúas semanas perdendo. Os de Carducho queren saír canto antes da zona baixa da xeral. Desta volta reciben ó Marín, que ven de gañarlle ó poderoso Verín.

O Céltiga, con folgos renovados, tratará de seguir polo bo camiño ante o Nigrán, un conxunto novo na categoría pero con xogadores experimentados. Rial terá que afrontar o choque coas importantes baixas de Beni e Darío en defensa e de Víctor Uhía na medular, todos eles sancionados.

Redacción Salnés