O poderoso Perfumerías Avenida rinde visita a Fontecarmoa

SALNÉS> O Xuven de Cambados, logo de impoñerse ó lider a semana pasada visita mañá ó Universidade de Oviedo. Mentres en Fontecarmoa, o poderoso Perfumerías Avenida visita ó Extrugasa, un partido no que as vilagarciáns tentarán dar a sorpresa.

Gañar ó Perfumerías Avenida era impensable a comezos de temporada. Tras sete xornadas ligueiras e logo de dar máis dunha sorpresa, o Extrugasa aspira a todo ante as salmantinas.

Iso non quita o claro favoritismo das visitantes, que este ano aínda non saben o que é perder. Camiñan cun inmaculado sete de sete en liga e teñen xa no peto a Supercopa de España, na que se impuxeron ó seu gran rival, o Ros Casares.

Se por algo se caracteriza o equipo charro é polo seu potente xogo interior, o mellor de España e un dos mellores de Europa. As pívots do Extrugasa terán que pelexar ante un trío de auténtico luxo, formado por Sancho Lyttle, Anna Montañana e Erika de Souza. No perímetro, tamén son temibles con estrelas como Alba Torrens e Belinda Rose.

A victoria pode resultar unha utopía, pero o traballo e o esforzo das locais, que acuden sen baixas, está garantizado. Por pechar ben o rebote e polo ritmo rápido de xogo e contraataque pasan as opcións das locais.

Na Liga EBA o Xuven de Cambados desprázase a Asturias para enfrontarse ó Universidade de Oviedo. A victoria ante o Marín Peixegalego reforzou a moral dos de Diego Doval, que desta volta terán enfronte a un rival da metade baixa da táboa, que só sumou un triunfo en seis partidos. Os cambadeses aspiran por tanto a sumar a súa cuarta victoria da temporada.

Redacción Salnés