O Extrugasa busca poñerlle á guinda á súa gran primeira volta

SALNÉS> No baloncesto esta fin de semana ponse o peche á primeira parte da liga, xa que despois virá o parón de Nadal. O Xuven de Cambados tentará pechar a primeira volta cunha victoria en Lugo ante o Estudiantes mentres que o Extrugasa recibe mañá en Fontecarmoa ó Obenasa Navarra, último na xeral.

Despois da pequena decepción que supuxo a derrota do mércores ante o Ibiza, o Extrugasa busca canto antes recuperar boas sensacións e pechar ben o 2010. A competición ligueira descansará ata o 15 de xaneiro, data na que se iniciará a segunda volta.

Cos deberes feitos e seis victorias sumadas en doce partidos, as vilagarciáns buscan unha séptima que lles achegaría un pouquiño máis ó gran obxectivo da temporada: a salvación.

Mañá terán unha oportunidade inmellorable xa que o equipo que visita Fontecarmoa é o último clasificado da xeral, o Obenasa Navarra. Un conxunto que acadou o ascenso o ano pasado xunto ó Extrugasa e que mantén no seu plantel a unha das artífices dese éxito, a base María Asurmendi, con pasado vilagarcián. Xunto a ela a xogadora referencia é a pivot Kayla Chones.

As de Tito Díaz deberán actuar dun xeito máis constante durante o encontro e tratar de evitar as lagoas que sufriron nos últimos dous partidos ante Olesa e Ibiza.

No baloncesto masculino outro que quere acabar ben o ano é o Establecimientos Otero que ademais finaliza o domingo a primeira volta do campionato. Os de Diego Doval aspiran á cuarta posición da xeral logo de ter acadado dúas victorias consecutivas que reforzaron a súa moral. Enfronte terán un equipo que camiña xusto por detrás deles na clasificación e que soe rendir a moi bo nivel cando actúa coma local.

Redacción Salnés