O GROVE > O Concello non para de recibir campións. Onte tocoulle ás rapazas do equipo infantil de balonmán do Rasoeiro.
O equipo infantil do Club Rasoeiro de balonmán está de en hora boa. As xogadoras aumentaron o seu palmarés este ano cun título de Liga e co Campionato Galego. Éxitos polos que foron homenaxeadas onte no Concello do Grove. O alcalde Miguel Ángel Pérez e mailo edil de deportes Alexandre Aguín entregáronlle unha placa de recordo e ademais desexáronlles sorte para o novo reto que teñen diante. E é que este xoves desprazaranse a Madrid para disputar o Intersector do Campionato de España.
Para o club este é un momento importante dentro da súa misión de crear base, tal como lles indicou o seu presidente Francisco Pérez. As xogadoras tamén recibiron palabras de alento do seu adestrador Quito Parada, que cualificou esta tempada ’10 ó que lle hai engadir moitos positivos’, pese a que non esquece que aínda lles quedan uns sete partidos por disputar. O segredo deste éxito, o traballo.
Redacción Salnés