O derbi da Senra focaliza a atención da xornada

SALNÉS> Volve o futbol na Terceira División. Despois de dúas semanas de descanso o Vilalonga xoga na casa ante o Mesón do Bento mentres que mañá o Portonovo visita ó Ordes. A Preferente Sur deixaranos un derbi na Senra entre Ribadumia e Cambados.

Volve a Liga na Terceira despois do parón propiciado pola disputa da Copa UEFA das Rexións. O Portonovo tócalle desprazarse mañá ata Ordes, onde xoga a partires das catro da tarde. Os de Jacobo Molina agárranse a súa gran temporada como visitantes para tentar dar a sorpresa ante un dos equipos máis en forma da competición, que foi remontando posicións ata colocarse oitavo tras tres triunfos seguindos. Sen embargo é un campo do que históricamente se lle dá moi ben ó Portonovo. Das cinco veces que visitou Vista Alegre tan só perdeu nunha delas e venceu en tres ocasións. Portela e Douglas son baixa para este encontro por sanción.

O Vilalonga quere darlle continuidade á gran xeira de resultados que acumulaba antes de que se parase a liga e que lles facía ser o mellor equipo do grupo no último mes e medio de competición. Este domingo reciben en San Pedro ó Mesón do Bento, un equipo que camiña cos mesmos puntos ca eles na liga, pero que está indo a menos despois dun gran inicio.

Na Preferente Sur, derbi de necesitados na Senra entre Ribadumia e Cambados. Os locais veñen de sufrir unha semana convulsa trala derrota de Porriño e a destitución de Carducho. En Burgáns non está moito mellor as cousas, colocados a tan só dous puntos dos postos de descenso. Son polo tanto tres puntos moi importantes para os dous conxuntos: de gañar os locais, afundirían a un rival directo pola permanencia mentres que se a victoria é para os amarelos, meterían na loita pola salvación a outro equipo máis. Oliveira perde para a cita a Aarón pero recupera a Javi Sánchez e Koeman.

A xornada desta fin de semana complétase con outros tres partidos con representación dos equipos do Salnés. O Sanxenxo tentará proseguir coa súa escalada meteórica a costa do Nigrán, outro equipo que chega nun bo momento de forma.

O Céltiga visita ó Ourense B coas baixas esta semana de Beni e Fernando, por sanción. Estos, unidos ós numerosos lesionados, obrigarán a Rial a ter que facer experimentos para alinear un equipo de garantías.

O Arousa buscará acabar coa xeira negativa de resultados que arrastra nos últimos dous meses ante o Rápido Bahía. A Lomba agarda con impaciencia o debut de Ricardo, que por problemas físicos esta semana adestrouse a menor ritmo que os seus compañeiros.

Redacción Salnés