Victoria do Vilalonga no día do adeus a Abraham e Avendaño

SALNÉS> Abraham e Avendaño abandonan o Vilalonga temerosos de que o club non poda superar a difícil situación económica que atravesa. Os celestes, pese ás baixas, impuxéronse ó Pontevedra B por 2-0. Victorias importantes na Preferente de Arosa e Cambados.

Onte disputouse a primeira xornada do ano na Terceira División. O Portonovo adiantara o seu encontro ante o líder Cerceda para o día 30, co que perdeu por 4-0. Cos resultados que se deron onte os de Jacobo Molina mantéñense a un punto da salvación.

A sete do descenso está o Vilalonga que onte volveu vencer, desta volta ante o Pontevedra B por 2-0, grazas ós tantos de Jesu e Tachi no inicio do segundo tempo. Os celestes acudían á cita con numerosas baixas por lesión ademais das de Abraham e Avendaño. Os dous xogadores abandonaron a disciplina do Vilalonga logo de que a directiva lles dera a carta de liberdade unha vez non se lles asegurou o pago das mensualidades que restan ata final de temporada. Serán dúas baixas máis que notables para Gabi Leis que terá que loitar co mínimo para a salvación. A vindeira semana, ante un rival directo, porque Vilalonga e Portonovo mídense nun derbi importantísimo o domingo en San Pedro.

SORTE DISPAR NA PREFERENTE SUR 

Victorias balsámicas esta semana tanto para Arosa como para Cambados. Sorprendeu se cadra máis a dos vilagarciáns, que desprazábanse ó complicado campo do Cruceiro, onde foron quen de vencer por 0-3, cunha gran actuación de Adrián Camiño, autor de dous goles. O primeiro fora obra de Jorge. Todos chegaron no segundo tempo.

Aínda así continúan en postos de descenso debido á victoria que acadou o Cambados na casa ante o pechacancelas da categoría A Peroxa, por 2-0. Cusotulles máis do que agardaban pero o triunfo finalmente caeu do lado local. Houbo que esperar ata o minuto 70 para ver o primeito tanto, obra de Aarón. Logo Nico certificaría a victoria dos de Ángel Oliveira, que se permitiron incluso o luxo de errar un penalti. Siguen así con dous puntos sobre o descenso que marca o Arosa.

Cun punto máis sitúase o Ribadumia, 15º na xeral, que perdeu no campo dun dos aspirantes ó ascenso, o Barbadás. Foi pola mínima, 1-0, pero os de Ramiro Sorbet deixaron unha boa imaxe sobre o céspede dos Carrís. Na Illa, o Céltiga deixou escapar outros dous puntos e cada vez está máis lonxe do ascenso. Son nove puntos os que o separan do segundo clasificado, que poderían ser once se o Barbadás gaña a semana que ven o seu partido aprazado. Onte empatou a dous tantos fronte ó Gran Peña logo de desperdiciar numerosas ocasións de gol e de ir por detrás no marcador durante moitos minutos. Juanito e Nacho igualaron por dúas veces as vantaxes que cobraran os vigueses.  

O outro candidato ó ascenso do Salnés, o Sanxenxo, tamén perdeu. Os de Calucho cederon por 2-1 ante o Rápido Bahía. Adiantáronse por mediación de José Ángel no primeiro tempo, pero unha mala saída de vestiarios na segunda parte, condenoulles e permitíu a remontada do cadro local. O Sanxenxo é quinto na táboa a tres puntos do segundo.

Redacción Salnés