O Portonovo non renuncia á victoria no campo do Ourense

SALNÉS> Na Terceira, o Portonovo deprázase ó campo do Couto para enfrontarse ó Ourense mentres que o Vilalonga recibe en San Pedro ó Estradense. Botamos tamén unha ollada ós encontros da Preferente Sur.

O Vilalonga non quere deixar escapar a posibilidade de dar un paso máis cara a permanencia esta fin de semana. Pese a contar cos xogadores xustos ante o Estradense, os celestes queren facer valer o poder do seu campo e quedarse cos puntos. O Estradense rachou a semana pasada cunha xeira de oito partidos sen gañar e fíxoo ante o líder Cerceda, ó que superou por 1-0 na Baiuca. Serán un rival máis que perigoso. Iso sí, dos dez partidos que disputou fora da casa tan só gañou nun deles e das sete ocasións en que visitou San Pedro, tan só nunha delas saíu victorioso, polo que a estadística favorece ó conxunto de Gabi Leis.

Tamén perdeu a semana pasada o rival desta xornada do Portonovo, pero iso non quere dicir nada, porque os de Jacobo Molina visitan o Couto, o campo do Ourense, que é terceiro na táboa. Pouco a pouco acábase a marxe de erro para os de Baltar que fóra da casa están a sacar mellores resultados que coma local e por iso non deben renunciar á victoria este domingo.

Tamén viaxará a Ourense o Arosa, que se enfronta ó Ourense B o domingo pola mañá. O rival dos vilagarciáns pasa por ser o equipo máis en forma da competición logo de ter gañado catro partidos de xeito consecutivo e colocarse sexto na táboa. Lino González non poderá contar con Ríos en defensa, mentres que Ricardo é dúbida. Miguelín, Camiño e Vichi voltan á convocatoria na que tamén estará o lateral Juanjo, a última fichaxe dos arlequinados.

Nesa loita pola salvación tamén esta metido o Ribadumia que esta semana visita o campo do Nigrán, un equipo que se fai moi forte na casa e que tan só perdeu un encontro como local este ano, que foi o primeiro de liga ante o Verín.

O Cambados buscará darlle continuidade á súa gran xeira de resultados que lles levou a saír do descenso. Buscarán a cuarta victoria consecutiva ante o Barbadás, cuarto na táboa. Cascallar é unha baixa importante nos de Ángel Oliveira. O centrocampista pérdese o duelo por sanción.

O Céltiga busca seguir recuperándose e xogará esta semana na casa ante o Choco, un equipo que ven de perder tres dos últimos catro partidos. Rial non poderá contar con Beni, que está sancionado. Os da Illa semellan recuperados logo de sumar un punto importante ante un Sanxenxo que esta semana visita ó Pontellas, terceiro na táboa. Un dos partidos máis difíciles do ano para os de Calucho que de sacalo adiante poderían rematar a xornada moi preto dos postos de ascenso.

Redacción Salnés