![]()
SALNÉS> Trátase dos delitos de falsificación de documentos e tenencia ilícita de armas. O arrestado en Madrid saíu en liberdade con cargos.
Seguimos coñecendo algúns datos máis sobre a ‘Operación Portozás’, que esta fin de semana deixaba catro detidos en Pontevedra e Madrid como presuntos integrantes dunha rede de tráfico de drogas internacional.
Acaba de trascender que a dous dos arrestados impútaselles, ademais dun delito contra a saúde pública, outros dous por falsificación de documentos e tenencia ilícita de armas. Os tres cidadáns apresados en Pontevedra continúan retidos no cárcere de A Lama, mentres que o home de nacionalidade colombiana detido en Madrid saíu libre con cargos, pero retiróuselle o pasaporte para evitar que poida fuxir de España. Ademais ten a obriga de presentarse periodicamente nos xulgados.
A operación Portozás, comezada a finais do 2009, saíu á luz hai uns días cando os axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Aduanas localizaron no porto de Vigo 60 quilos de cocaína ocultos en contedores con froita. Segundo fontes da investigación, os tres apresados na provincia de Pontevedra, entre eles un en Cambados, serían os responsables de recoller no porto vigués a droga para enviarlla ó arrestado en Madrid, sospéitase que o enlace entre o cártel colombiano e o grupo galego.
Ocultación da droga
Un dos aspectos que más sorprendeu ós responsables do operativo foi o sofisticado método de ocultación da droga. Os 600 fardos de cocaína de cen gramos cada un viñan agochados no interior das táboas de madeira coas que construíron os palés para transportar plátanos. Ademais, cada un dos tablóns recubriuse cunha substancia moi olorosa para tentar despistar ós cans detectores.
A pesar do importante comiso realizado, os responsables da investigación sospeitan que este alixo podería tratarse só dun gancho para distraer ás forzas de seguridade, e lograr introducir unha cantidade maior. É por iso que a operación segue aberta e non se descartan novas detencións.
Redacción Salnés









