O ‘Sábado de Piñata’ alonga o Entroido vilagarcián

    VILAGARCÍA> O Entroido vilagarcián recupera este ano o “Sábado de Piñata”, unha xornada coa que buscan sobre todo, alongar as festas un día máis. Ademais, no programa non faltarán outras citas como o concurso de comparsas ou o desfile de carrozas.

     

    O Entroido deste ano en Vilagarcía será máis longo que o de anos anteriores. Para o sábado 8, concello, Ahituvi e Zona Aberta preparan unha novidade: a recuperación do sábado de Piñata.

    O circo será o tema. O mellor disfraz grupal recibirá do concello un premio de 600 euros. Zona Aberta, entregará ó mellor individual un vale de 150 euros para gastar en establecementos asociados. Para os gañadores na categoría das parellas, o premio é unha sesión de spa e unha noite de hotel.

    O local mellor ambientado terá un premio de 300 euros que lle entregará Ahituvi. Para  fomentar a festa, a asociación repartirá polos bares narices de pallaso e porá dúas maquilladoras pola zona, que caracterizarán ós que o desexen de xeito gratuíto.

    O programa conta con outras citas, como o concurso de comparsas o día dous, que inaugura as festas na vila.

    O baile infantil do luns, o desfile de carrozas e os enterros da sardiña organizados por colectivos de diferentes barrios, completan a oferta carnavalesca de Vilagarcía.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/20/ptac_sabado_pinata.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/20/ptac_sabado_pinata.mp4{/flowplayer}