Patrimonio permite reemprender a ampliación do Cemiterio de Sta Mariña

    CAMBADOS > As obras de ampliación do cemiterio de Santa Mariña Dozo, en Cambados poderán reiniciarse. Patrimonio vén de aprobar a legalización da escavación realizada a principios de ano pola empresa adxudicataria. Trala revisión por parte dos técnicos de Patrimonio, a ampliación permitirá a construcción de 886 novos nichos, cen menos dos previstos no proxecto inicial.

    A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aprobou a legalización da escavación realizada na ampliación do cemiterio parroquial de Santa Mariña Dozo. Isto permite á adxudicataria, a empresa Núñez Portas reemprender os traballos, promovidos por un consello parroquial constituído ó efecto, e que contou coa colaboración do Concello na redacción e tramitación do proxecto.

    As características indicadas polos técnicos de Patrimonio impuxeron unha readaptación do documento, o que provocou un atraso de varios meses nestas obras. A comezos deste ano realizáronse as primeiras escavacións sobre o terreo e Patrimonio considerou que se excedía a profundidade fixada no proxecto. A empresa alegou que se trataba dunha explanación provisional e que se corrixiría logo con recheos para respectar as medidas indicadas.

    Aprobada a solicitude de legalización realizada pola adxudicataria, agora poderanse concluír os traballos. Con esta ampliación, o camposanto de Santa Mariña contará con outras 320 sepulturas e 886 nichos, aproximadamente cen menos dos previstos no proxecto inicial. Na ordenación do espazo, disporase unha entrada no extremo norte, que linda co muro do primeiro recinto, e unha entrada polo sur, desde a que tamén se accedería á primeira ampliación.

    Redacción Salnés