SANXENXO> En Sanxenxo, botan a andar as obras da nova rotonda que dará acceso á praia de Areas. Vaise actuar nun treito onde son frecuentes os accidentes. A actuación forma parte do proxecto de mellora global da estrada que vai de Sanxenxo a Poio, entre o miradoiro da granxa e o acceso a Nanín.
A Consellería de Infraestructuras iniciou hoxe as obras da nova glorieta de acceso á praia de Areas, na PO-308, ao seu paso por Sanxenxo.
A actuación busca mellora-la seguridade viaria na zona, onde son frecuentes os accidentes. A vía, ademais, sofre un alto volume de tráfico.
A actuación forma parte do proxecto de mellora da PO-308 entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, unha intervención que conta cun investimento de máis de 420.000 euros.
A rotonda contará con dous carrís de catro metros de ancho cada un e beiravías dun metro. Na zona da curva dos Cotos renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención. Ademáis, ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus, para evitar que xeren interferencias co tráfico durante as paradas.
O delegado da Xunta puxo en valor o esforzo do executivo galego na posta a punto do vial. Salientou o investimento millonario para a creación de sendas naqueles puntos da estrada que aínda carecían de espazos peonís.
O alcalde de Sanxenxo tamén se referiu ás obras da Rúa Progreso. Conta con que o proxecto estea rematada antes de que remate o ano.
As obras permiten dotar de beirarrúas a toda a rúa, reorganiza-las zonas de estacionamento e carga e descarga e renova-los seus servizos.