![]()
SANXENXO> A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, asegura que a partires deste mes as parroquias de Adina e de Dorrón …
… disporán ‘dunhas fantásticas instalacións para realizar as súas xuntanzas, os seus cursos, os seus ensaios e todas aquelas actividades lúdicas e culturais que promovan’.
A rexedora puido comprobar o avanzado estado dos traballos de construción de ambos equipamentos na visita que realizou acompañada dos edís Tino Sanmartín e Salvador Durán, e do arquitecto municipal, responsable da dirección da obra. O Goberno local indica que ‘nestes momentos as casas de cultura están practicamente terminadas a falta só de ultimar pequenos remates e dotalas de mobiliario’.
Arestora estase a traballar na urbanización exterior. Segundo indicou o edil de Obras e Infraestructuras, Tino Sanmartín: ‘Instalaremos bancos e papeleiras, xa que o exterior das culturais actuará como zona de esparexemento’. O inmoble levantado en Adina está situado na praza pública, que dispón de área recreativa, un parque infantil e espazos libres, ademais de acceso viario e aparcamento. Pola súa parte, a edificación de Dorrón está situada nunha finca de titularidade pública no solo urbanizable nº 8, entre os lugares de Os Cotos e A Granxa, ‘cunha das máis impresionantes vistas á ría de todo o concello’, engadeu Tino Sanmartín.
O Concello dedicou a estas actuacións máis de 761.000 euros, financiados a través do Fondo Estatal de Emprego e Sostibilidade. Ambas edificacións comparten deseño e dimensións, de forma que teñen unha superficie total de case 400 metros cadrados distribuídos nunha planta. Contarán con salón de actos totalmente diáfano, unha sala de formación e outra para reunións, porche, almacén, aseos adaptados para minusválidos, e cuarto de instalacións.
Redacción Salnés









