Trece agrupacións participan mañá no Festival de Comparsas

comparsas_vilagarcia100.jpgVILAGARCÍA> O Auditorio Municipal acolle mañá, a partir das cinco da tarde, unha nova edición do festival de comparsas

… do Entroido de Vilagarcía.

Nesta ocasión o evento reunirá a trece agrupacións da comarca. Cinco son de Vilagarcía: O XornalCriticón, O Noso Lar, Os do Xoubal, Os Trancheiros, e Marajota e Media, estas tres últimas de Vilaxoán. Outras cinco son do Grove: A Baiuca, As + Plus, 807, Garoulos, e Ultrasur. A estas hai que engadir Golfiños e Vellas Glorias, de Vilanova e Armonía da Illa de Arousa.

Como xa é habitual dende hai algúns anos, o festival de comparsas de Vilagarcía non ten a condición de concurso senón de exhibición polo que todas as agrupacións, que deberán estar formadas obrigatoriamente por un mínimo de 25 persoas, reciben a mesma asignación económica pola súa participación.

Ao igual que o pasado ano o festival de comparsas vilagarcián será gravado e retransmitido por Canal Rías Baixas. A emisión terá lugar o luns ás 21.45 horas, con posteriores reemisións nas xornadas do martes (ás 15.00 horas) e durante a seguinte fin de semana. A retransmisión televisiva obrigará as comparsas a axustar o seu tempo a de actuación a un máximo de 15 minutos.

Co obxectivo de que o ambiente carnavalesco que crean estas comparsas non se limite ao Auditorio, a Concellería de Cultura pretende que as formacións participantes no festival saian ás rúas da cidade despois das súas actuacións.

Redacción Salnés