NOIA> Nunha xuntanza informativa acordaron concentrarse o vindeiro venres perante a Consellería do Mar en Compostela.
Os asistentes á reunión, na súa maioría traballadores do mar, acordaron iniciar as mobilizacións tras escoitar as posibles consecuencias da implantación dunha granxa de engorde de salmón con vinte gaiolas nunha superficie de vinte mil metros cadrados tal e como contempla a concesión definitiva, trala fase experimental dun ano na que se instalaría dúas gaiolas.
{flowplayer}barbanza/concentraciongaiolassalmon.flv{/flowplayer}
Contaminación dos fondos mariños
A bióloga do pósito noiés explicou que a acumulación do penso e dos excrementos dos salmóns no fondo mariño provocará contaminación afectando á biodiversidade da ría.
Referiuse tamén ás enfermidades que padecen este tipo de peixes e os medicamentos para tratalas como factores contaminantes que empeorarían a calidade da auga. Ante a gravidade do impacto o patrón maior apelou á unidade do sector en defensa do seu medio de vida e instou á Consellería do Mar a defender os intereses dos produtores.
Nas súas protestas contan co apoio maioritario da sociedade que non ve con bos ollos o traslado das gaiolas dende a ría de Arousa á de Muros.
Redacción Barbanza