50 orixinais do Álbum Nós aterran no Museo de Pontevedra

Pontevedra> O Museo de Pontevedra viviu hoxe unha xornada histórica ao dar a benvida oficial aos 50 orixinais do Álbum Nós e inaugurar dúas novas salas de exposición dedicadas a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Por primeira vez reúnense de xeito permanente preto de 200 pezas orixinais que explican a traxectoria artística e política dunha figura imprescindible para a historia da nosa terra. Unha mostra, que segundo o director do Museo, fai deste espazo un centro de referencia insuperable.

Xornada histórica para o Museo de Pontevedra que dende hoxe xa amosa máis sobre a vida política e artística dun referente da nosa terra como é Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, manifestou,  a súa enorme satisfacción pola apertura das novas salas e pola exposición dos orixinais do Álbum Nós. Destacou que nace a partir desta tarde un novo Castelao no Museo de Pontevedra , xa que as pezas que se expoñen mostran o esencial do seu traballo de forma, dixo, insuperable.

Segundo lembrou o director, a incorporación do Álbum Nós ao Museo de Pontevedra produciuse de forma temporal en 2016 tras a investigación para preparar a mostra ‘Meu Pontevedra’. Tras o seu achádego, e unha vez que os propietarios confirmaron a cesión do álbum por cinco anos, foi cando se pensou na reformulación das salas de exposición debido a que a súa presenza obrigaba a buscarlle un acomodo específico que non rompese coa secuencia evolutiva de Castelao como artista e coa súa evolución ideolóxica dentro do Museo.

En total, o Museo de Pontevedra exporá a partir de hoxe de xeito permanente preto de 200 pezas das que se incorporan como novidade non só as do Álbum Nós, senón tamén outras de menor entidade como, por exemplo, ata cartaces chegados en cesión dende Venezuela.