Lazareto protagoniza unha nova protesta na delegación de Carril

    concentracion_lazaretocopy.jpgCARRIL> Segundo a presidenta do colectivo, ó redor das catro da tarde foi a Policía Autonómica a que lles pediu que abandonasen o edificio.

    Esta mañá as mariscadoras do colectivo Lazareto de Carril, en Vilagarcía, protagonizaron unha nova concentración, nesta ocasión no interior do edificio da delegación da Consellería do Mar en Arousa.

    A súa intención era manter unha xuntanza co delegado comarcal, Javier Briz, para que se puxera en contacto coa Conselleira, Rosa Quintana, e concretara unha reunión con estes traballadores.

    Unha hora máis tarde, esa reunión produciuse e, segundo a presidenta de Lazareto, Bibiana Vidal, o delegado confesou que ese encontro era factible e a concentración continuou á espera dunha resposta.

    Finalmente, ata o lugar desprazouse a Policía Nacional, pasadas as dúas da tarde, e a Policía Autonómica, preto das catro da tarde. Nese instante, segundo o colectivo, o delegado confesou que xa se puxera en contacto coa consellería e que Rosa Quintana non as ía recibir.

    Abandonaron a delegación de Carril pero adiantaron que seguirán coas mobilizacións contra a consellería e contra o partido popular de Vilagarcía do que, polo momento, non recibiron resposta ás súas peticións.

    Redacción Salnés