Cento corenta mozos de Galicia practicarán turismo náutico nas Sinas

    xuventudesinas2 copia.jpg VILANOVA> As actividades forman parte do programa ‘Roteiros para a Xuventude’ da Xunta e terán lugar nas fins de semana ata o mes de xuño.

    {flowplayer}images/salnes/ROTEIRO_SINAS.flv{/flowplayer}

    Un grupo de mozos de Vigo preparábase esta mañá para saír ó mar en kaiak mentres outro navegaba polas augas da Arousa en catamarán. Son algunhas das actividades que integran o programa ‘Roteiros nas Sinas’. Desde esta fin de semana e ata xuño, cento corenta mozos pasarán polo albergue xuvenil de Vilanova para gozar dunhas xornadas de turismo e deportes náuticos, pero non serán os únicos. ‘Roteiros nas Sinas’ forma parte dun proxecto máis amplo promovido pola dirección xeral de Xuventude que abarca as catro provincias galegas.

    ‘Roteiros para a Xuventude’ vai dirixido a mozos de entre 18 e 35 anos. Este ano ofértanse 600 prazas máis que o pasado, en total 1.621. O prezo destas actividades por fin de semana, incluíndo pensión completa, é de 60 euros para os posuidores de carné xoven. Dado o perfil dos participantes, desde Xuventude están a facer especial fincapé nas redes sociais e en internet para promover estas actividades e tamén coñecer a opinión dos participantes.

    Tamén para os concellos este tipo de actividades supón un revulsivo. O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, salienta que na actualidade se está potenciando o aproveitamento das instalacións do albergue das Sinas, e incluso planean aproveitar estas infraestruturas para fomentar a formación e emprego xuvenil.

    Redacción Salnés