A plantilla de Clesa cobre a primeira etapa do ‘camiño reivindicativo’

    caminoclesaetapa1 copia.jpg CALDAS> Ás nove da mañá partían das instalacións da empresa con destino a Valga. Realizarán o camiño en tres fins de semana.

    {flowplayer}images/salnes/CAMINO_SANTIAGO_CLESA.flv{/flowplayer}

    Con calzado cómodo, camiseta ‘corporativa’ e moito ánimo, os traballadores da planta de Clesa en Caldas botaban a andar esta mañá cara Valga coa fin de completar a primeira das tres etapas nas que realizarán a peregrinaxe a Santiago de Compostela. Trátase dun camiño ‘reivindicativo’, como eles mesmos o definen, aínda que na marcha non se viu ningunha pancarta. Cuestión de operatividade, canto menos peso mellor se leva a andaina. Trátase de manter a atención sobre a súa situación laboral, e que as administracións e entidades competentes sigan a traballar por que Clesa sobreviva.

    Realizarán o camiño en tres fases. Trala chegada hoxe a Valga volveron á fábrica en autobús,. Así que o vindeiro sábado collerán de novo este transporte diante da factoría para ir ata Valga e retomar a pé a segunda etapa ata San Martiño. O mesmo farán o sábado 14 maio, cando teñen previsto chegar á capital galega.

    Polo de agora as últimas novidades na situación de Clesa producíanse esta semana co petición por parte do Xulgado do Mercantil número seis de Madrid de nova documentación á empresa coa fin de resolver a petición do concurso de acredores voluntario realizado por Nueva Rumasa. Mentres na planta de Saiar manteñen unha produción do 30 por cen para dar saída ós pedidos máis urxentes e seguen coa aplicación do ERE rotativo. En canto á percepción de ingresos, podería producirse antes do mes de xuño.

    Redacción Salnés