![]()
A ILLA> O cadáver dun home apareceu onte á noite na dársena do Porto de Xufre, na Illa de Arousa. A vítima tiña 72 anos, estaba xubilado…
{flowplayer}images/salnes/040209_afogado_na_illa.flv{/flowplayer}
A ILLA> O cadáver dun home apareceu onte á noite na dársena do Porto de Xufre, na Illa de Arousa. A vítima tiña 72 anos, estaba xubilado e adoitaba pasear pola zona, a diario. Polo de agora non se saben as causas exactas da morte aínda que as primeiras investigacións apuntan a que a vítima morreu despois de caer ao mar.
Pasaba das once da noite cando os efectivos de emerxencia rescataron da auga o corpo sen vida de José Martínez Fernández, máis coñecido no lugar como Pepe de Pedrouzos, ante a presenza de varios veciños da Illa de Arousa.
O cadáver sen vida, deste home de 72 anos, flotaba na beira do peirao de Xufre, onde a vítima paseaba a diario. Cando os sanitarios chegaron ao lugar dos feitos non puideron facer nada por salvar a vida deste construtor xubilado, que residía na illa de Arousa, dende hai anos.
Segundo os veciños do lugar, foi a súa filla a que deu a voz de alarma, pasadas as 10 da noite. A familia da vítima estaba preocupada e achegouse ao porto por ver se o seu familiar estaba paseando pola zona. Alí comprobaron que o coche da vítima seguía aparcado, no mesmo lugar onde o deixara, varias horas antes. De José Martínez Fernández non se sabía nada. Nese momento prendéronse as alarmas.
Hoxe na Illa de Arousa non se falaba de outra cousa. Os veciños non entenden cómo puido suceder este tráxico suceso nunha zona que, segundo eles, non é perigosa.
CAUSA DA MORTE
Polo de agora descoñécense as causas exactas da morte de José Martínez Fernández. As primeiras análises que se están a realizar no Instituto Anatómico Forense indican que a causa da morte foi Asfixia por Submersión, é dicir, que a vítima afogou tras caer ao mar. Esta é a hipótese inicial que se extrae da autopsia e que deberá ser confirmada nos vindeiros días, cando se coñeza o resultado de tódalas análises forenses.
Redacción Salnés








