A Mancomunidade do Salnés e Aviturga formará expertos en turismo da comarca

CAMBADOS> A mancomunidade do Salnés e Aviturga alíanse para formar ao sector turístico en expertos da comarca. Ambas entidades realizarán diferentes cursos nos que darán a coñecer aos participantes toda a oferta de servizos, actividades e experiencias do Salnés. O obxectivo é que os empresarios das casa turísticas poidan orientar aos visitantes sobre todas as posibilidades para gozar da comarca.

Coa sinatura deste convenio, a Mancomunidade do Salnés e Aviturga establecen un novo marco de traballo en común co que mellorar o turismo da comarca. Ambas entidades formarán aos empresarios turísticos interesados para que coñezan toda a oferta da que dispón a comarca.

Esta formación permitirá aos participantes coñecer todas as activades, servizos, experiencias e produtos turísticos da comarca. A posta en práctica desta formación ten varios obxectivos.

Na comarca do Salnés hai ao redor de 3500 vivendas turísticas, o que supón un movemento durante xullo e agosto de máis de 200 mil persoas. Esta formación permitirá aos empresarios de calquera concello coñecer as posibilidades que existen noutras vilas da comarca e mellorar así a experiencia dos visitantes.

A formación impartirase de dúas maneiras: cunha xornada teórica mañá pola tarde en exposalnés, onde se explicarán as ferramentas tecnolóxicas das que dispón e sector, e logo con xornadas practicas, que consistirán en rutas por diferentes puntos de interese da comarca como a das camelias ou a translatio. Os interesados en anotarse, sexan socios ou non, poden facelo poñéndose en contacto con Aviturga.