VILAGARCÍA > As chuvias causaron problemas na parroquia de Bamio. O desbordamento do río que cruza o lugar de Sordido provocou a caída dun muro de contención, parte dunha pista e varias pontellas.
Os edís do grupo municipal do PP de Vilagarcía visitaron esta tarde a rúa Sordido, na parroquia vilagarciá de Bamio. As choivas teñen provocado xa en varias ocasións o desbordamento do río que atravesa este lugar, pero este ano as riadas víronse agravadas como consecuencia dos incendios forestais padecidos por esta parroquia este verán. O propio Concello advirte que Bamio foi unha das parroquias máis afectadas pola vaga de lumes, o que provocou que desaparecera gran parte da vexetación que servía para conter as choivas e polo tanto incrementou o efecto das precipitacións.
Nesta ocasión o desborde do río provocou o derrubamento dun muro de contención, de parte dunha pista, e de varias pontellas de acceso a fincas; arrastrou pedras e terra que deterioraron o asfalto e inundaron varias propiedades particulares, principalmente fincas, pero tamén un taller e un alpendre. Despois de visitar a zona, o grupo popular acordou presentar unha interpelación no concello para saber se o goberno local ten preparado algún dispositivo de emerxencia especial para previr este tipo de casos e se solicitará axudas a outras administracións. Tamén se pregunta se farán analíticas nas augas de consumo humano. Pola súa banda, o Goberno Local asegura que xa informou dos danos a Augas de Galicia e que agarda que o organismo autonómico financie, en parte ou totalmente, os gastos da reparación de danos.
Redacción Salnés