Nigrán, último obstáculo para o ascenso do Sanxenxo

SALNÉS> Dous partidos destacan por enriba do resto esta xornada: o Cambados –Ribadumia, no que está a permanencia en xogo, e o Nigrán -Sanxenxo, encontro que se o gañan os de Calucho, ascenderían a Terceira División.

O Vilalonga despídese da súa afección este domingo e vaino facer ante o Santa Comba, un rival que se está a xogar a vida. En postos de descenso directo logo de sumar seis derrotas consecutivas, os de Gelucho xa non teñen marxe de maniobra se é que se queren salvar. Do bando local non existe a presión e incluso Gabi Leis podería dar entrada a xogadores que dispuxeron de menos minutos este ano.

Mentres o Portonovo xogará en Negreira outro partido intrascendente. Os dous equipos non se xogan nada a estas alturas. O García Calvo é un campo pouco propicio para os arlequinados, xa que nunca gañaron alí.

Na Preferente Sur, o domingo pode ser un día histórico para o Sanxenxo que está a un triunfo de dar o salto á Terceira. Enfontarase ó seu rival directo nesa loita, o Nigrán, ó que so lle vale vencer para manter as esperanzas de ascenso. Iso sí, o equipo local non atravesa polo seu mellor momento da temporada logo de deixar escapar 12 puntos nos últimos seis partidos. Ademais, o plantel leva catro meses sen cobrar, protestas que levaron á Lomba a semana pasada. Todo o contrario que un Sanxenxo que chega á cita lanzado e tratando de manter a calma para que os nervos non lle pasen factura no Condomínguez.

Nervos e moitos os haberá tamén en Burgáns onde Cambados e Ribadumia xóganse media vida. Só vale gañar para logo ter marxe de erro nas dúas xornadas restantes. Unha derrota obrigaría a calquera dos dous a sumar os seis puntos finais e agardar outros resultados. Os de Oliveira saben que precisan facerse fortes na casa ante un Ribadumia que baixa moitos enteros cando xoga fóra da Senra. Os dous equipos acuden á cita sen baixas importantes.

Partido dramático tamén en Aldán entre Rápido Bahía e Arosa, aínda que neste caso os dous equipos saben que teñen marxe de maniobra para acadar a salvación. Iso sí, os de Lino González non queren prolongar máis o seu sufrimento e sairán a pola victoria en San Amaro. Vixo é baixa por sanción.

Por último, o Céltiga recibe ó Ourense B. Se ben parecía que non se estaban a xogar nada nesta últimas xornadas agora víuse que unha carambola maiúscula lles podería dar o terceiro posto a final de temporada. De tódolos xeitos o obxectivo do plantel é quedar o máis arriba posible e prolongar ata final de liga a excelente xeira de resultados que arrastran.

Redacción Salnés