O Ribadumia reforza o seu medio campo con Yago Paz

RIBADUMIA> A nova do día no futbol é a fichaxe feita polo Ribadumia. Trátase de Yago Paz medio centro procedente do Rápido de Bouzas, de Terceira División e con pasado en varios clubes de Salnés. Unha contratación que lle dá un salto de calidade ó equipo e que fala ás claras das intencións dun Ribadumia, que vai loitar por ascender.

Yago Paz, deixou moi bo recordo do seu paso por San Pedro, así como tamén por Portonovo e pola Illa, onde xogou un ano polo Céltiga. Agora poderán desfrutar do seu xogo na Senra, xa que o Ribadumia chegou a un acordo co Rápido de Bouzas para a fichaxe deste centrocamnpista pontevedrés de 28 anos.

A contratación ven dada por varios motivos. O primeiro, a boa relación que manteñen as directivas de ambos clubes. Ademais, o Bouzas, despois de perder comba co tren de ascenso á 2ªB buscaba alixeirar gastos en fichas de aquí ó remate de temporada. Por outra banda, o Ribadumia necesitaba un xogador de medio campo dadas as numerosas baixas coas que conta. Lucas aínda non está recuperado dunha fisura na tibia e Manu García, por motivos laborais, non está a poder adestrar.

Así as cousas Yago Paz, que xa desfrutou onte da súa primeira sesión de traballo ás ordes de Pablo Vázquez, preparará a marchas forzadas o seu debut co Ribadumia este domingo ante o Verín.

Como xogador destaca pola súa calidade técnica e a súa polivalencia dentro das posición de cetrocampista, xa que pode actuar como director de xogo ou nas dúas bandas. O propio Pontevedra estivo interesado nel, aínda que ó final ambas partes non chegaron a un acordo.

Agora, co Ribadumia, tentará facer historia e axudar ó equipo a ascender. A directiva do Ribadumia quixo agradecer expresamente a colaboración tanto do Bouzas como do propio Yago Paz para que esta fichaxe se fixese efectiva.

Redacción Salnés