Adoptar un río para coidar do seu ecosistema fluvial

    proxectoriosok.jpg VALGA> Os ecoloxistas de ADEGA reúnen en Valga ós voluntarios de ríos de toda Galicia para compartir experiencias sobre as actividades que levan a cabo.

    A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, conta na actualidade cunha rede de voluntarios espallados por diferentes municipios de Galicia que se dedican a coidar de forma desinteresada da boa saúde dos ríos galegos. A actividade, que forma parte do Proxecto Ríos, desenvólvese a nivel local. Os voluntarios ‘adoptan’ o río que pasa polo seu municipio e coidan del para garantir a boa saúde do seu ecosistema e do entorno natural das súas ribeiras. Para iso, organizan visitas periódicas ós regatos nas que se dedican a inspeccionar o seu estado, un traballo que logo comparten en encontros como o celebrado hoxe en Valga, e no que se reúnen os voluntarios de ríos de toda Galicia.

    O Auditorio Municipal de Cordeiro foi o lugar escollido para albergar esta xornada, na que ademais de poner en común as súas experiencias, ADEGA organizou varias charlas para ampliar información sobre o Proxecto Ríos (actividade promovida polo colectivo ecoloxista e financiado pola consellería de Medio Ambiente a través de Augas de Galicia) e outro plan que están a desenvolver os impulsores do Grupo de Desenvolvemento Rural 20. Trátase da creación dunha ‘rede de custodia fluvial’ nas cuncas do Ulla, Umia e Lérez. O obxectivo é promover actividades de protección no leito destes ríos para mellorar os seus ecosistemas fluviais e poñer en valor o patrimonio etnográfico. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea (a través dos fondos LEADER), o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e o AGADER.

    Como experto de renome, ADEGA convidou ó catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal Adolfo Cordero. A el encargóuselle impartir unha conferencia sobre as libeliñas, organismos que poden actuar como bioindicadores do estado de saúde dos ríos. E para comprobar a explicación sobre o terreo, ADEGA encargou a Cordero a realización dun roteiro guiado polo concello para descubrir ós voluntarios esas libeliñas.

    Redacción Salnés