O concello ten vontade de manter as subvencións deportivas

VILAGARCÍA> Os clubes vilagarciáns respiran un pouco máis tranquilos despois da xuntanza mantida onte co alcalde Tomás Fole e o edil de deportes Luís Garrigós. As entidades deportivas acadaron o compromiso do goberno local de manter as subvencións que ata o de agora percibían, aínda que avisan de que as contías e os prazos de pago poden verse alterados.

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, e o presidente da Fundación de Deportes, Luís Garrigós, transmitiron onte aos directivos dos principais clubs deportivos da cidade a súa vontade de manter as subvencións ás entidades deportivas para o desenvolvemento das súas actividades. Ao tempo, Fole e Garrigós agradeceron a actitude de comprensión dos clubs ante unha situación, din, herdada do goberno anterior e agravada pola actual crise económica.

Ambos expresaron o seu desexo de seguir mantendo un diálogo aberto e continuo, vontade que se ratificará nunha modificación dos estatutos da Fundación para que todas as entidades teñan voz na xestión deportiva do Concello.

Nunha reunión que se desenvolveu nun ton distendido, o alcalde e o presidente da Fundación explicaron aos representantes dos clubs como se chegou á actual situación, na que os 140.000 euros previstos para subvencionar as actividades dos clubs foron utilizados, por razóns coxunturais, para facer fronte a outras obrigas financeiras do Concello.

Na xuntanza, o alcalde incidiu que ata finais do mes en curso non se coñecerá a conta xeral do presuposto de 2011. Será entón cando se teña unha radiografía máis certeira da situación económica do Concello e tamén cando o goberno local poida decidir que partidas do presuposto xeral pode traspasar á Fundación para facer fronte aos compromisos cos clubs e as súas actividades.

Ante a actual situación, local e xeral, que impide que o Concello poida adquirir máis préstamos, a Administración terá que contar cos seus propios presupostos. Isto implica que, con toda probabilidade, as subvencións aos clubs se verán diminuídas, algo que os directivos asumiron.

Aínda así, o goberno local confía en que entre o que poida arranxar neste ano máis o que se poida concretar no presuposto do 2012, os clubs se vexan o menos afectados posible. Con todo, tanto Fole coma Garrigós pediron aos clubs que, á hora de solicitar axudas públicas, se centren no prioritario.

Redacción Salnés