SALNÉS> O partido máis atractivo da xornada é sen dúbida o que van disputar o domingo na Lomba Arosa e Portonovo. Ademais, na Terceira, o Sanxenxo recibe ó Negreira e o Vilalonga desprázase á Coruña para xogar ante o Depor B.
Campo complicado o que visita mañá o Vilalonga que pechará con este partido o duro inicio de campaña que lle tocou sufrir por designio do calendario. Os de Gabi Leis xogan no Mundo do Fútbol ante o Depor B coa esperanza de dar a sorpresa e sacar algo positivo, como xa fixeron na Malata.O Fabril, como sempre, presentará un equipo xoven e de calidade que opta ó ascenso.
O Sanxenxo buscará a primeira victoria do ano fronte o Negreira, que aínda non puntou. Boa oportunidade para os de Calucho de sumar ante un rival que comezou a temporada dubitativo.
O gran partido da xornada é que o se vivirá na Lomba, co primeiro derbi do ano entre Arosa e Portonovo. O choque ven marcado polas numerosas baixas do cadro visitante, sobre todo en defensa, xa que non poderá contar con Chichi e Arias. Tampouco estará no ataque branquiazul Aarón, mentres que Dani Abal e Ero son dúbida. Tampouco é seguro o concurso de Sayar e Ricardo no cadro local, xa que arrastran molestias. Ambos equipos buscan a segunda victoria do curso e encamiñarse xa cara a parte alta da táboa.
Unha zona de privilexio que non quere abandonar o Ribadumia, cuarto na xeral e que visita ó Gran Peña, que non comezou con bo pé este ano.
Ademais, Céltiga e Verín mídense no Salvador Otero, nun encontro no que os de Manuel Núñez queren recuperar as boas sensacións deixadas no seu debut ligueiro. O Verín non dispón do potente equipo que pelexou polo ascenso o ano pasado pero xa avisou do que é quen de facer con poucos recursos, logo de dar a badalada na Lomba na primeira xornada e levarse os tres puntos.
Redacción Salnés