As quendas de peneira abren unha nova fenda no seo da confraría

    mariscadorasvilanova copia.jpg VILANOVA> A Agrupación de Mariscadoras reclama á patroa maior o pago dos salarios pendentes, mentres esta se nega alegando falta de fondos.

    {flowplayer}images/salnes/PROTESTA_VILANOVA_PAGO_MARISCADORAS.flv{/flowplayer}

    Se os ánimos andaban máis que caldeados na confraría de Vilanova, o novo conflito xurdido entre a Agrupación de Mariscadoras e a Patroa Maior non vén a calmar precisamente a situación. As mariscadoras volveron a coller as pancartas para reclamar desta volta o pago dos salarios pendentes pola realización das quendas de peneira nas praias. Na asemblea que mantiveron o mércores, a Patroa Maior da Confraría, Evangelina Lago, comprometeuse a abonar eses soldos a partir de agora botando man do tres por cento que se reserva do recadado pola actividade marisqueira para destinar ós fondos da Agrupación.

    Segundo explica a Patroa, o sistema empregado noutras confrarías é que as traballadoras que apañan marisco collan máis quilos dos que lles corresponden para cubrir o cupo das mulleres que están na peneira e logo o poidan vender en lonxa.

    A Patroa Maior insiste en que non hai fondos para cubrir eses soldos pendentes e que o rebumbio que están a organizar as mariscadoras responde de novo a motivacións políticas e ó seu intento por forzar un cambio na dirección do pósito. A agrupación pola súa banda nega estas acusacións e insiste en que tanto esta demanda, como a recollida de firmas para pedir un adianto nas eleccións se está a facer na defensa dos seus dereitos e con total transparencia. Sen enganos, como apuntara hai uns días Evangelina Lago.

    Desde a Agrupación sosteñen que toda a actividade que realizan cada día de marisqueo queda rexistrada en informes, que está supervisada polos vixilantes, e que poden certificar documentalmente tanto o que se lles debe polas quendas de peneira como outras reivindicacións que xa fixeron, caso da solicitude do libro de socios en varias ocasións. A última esta mañá. Polo momento continuarán coas protestas polo pago das quendas de peneira tódolos días de luns a venres diante da Confraría.

    Redacción Salnés

    Comments are closed.