O Thetrend Cortegada recibe a un grande en apuros

VILAGARCÍA> O Cortegada recibe este sábado en Fontecarmoa ó Universitario de Ferrol. Un rival que aínda que á cita chega antepenúltimo na xeral, posúe xogadoras de calidade.

Poucos poden explicarse o mal arranque do Universitario de Ferrol, o rival do Thetrend Cortegada esta xornada. É sen dúbida a sorpresa negativa da liga. Logo de deixar unhas excelentes sensacións en pretemporada, na que foron quen de meterse na final da Copa Galicia e incluso pelexarlle ata o derradeiro intre o título ó Celta, as de Jacinto Carvajal non deron a talla nos primeiros encontros ligueiros. A imaxe foi tan pobre, que a directiva decidíu trocar de adestrador na cuarta xornada e confiar dende hai quince días en Lino López, que comezara a temporada de segundo técnico.

Son penúltimas na táboa con tan só unha victoria en cinco encontros, ante o frouxo Aros Léon, que aínda non venceu. Por iso se cadra é un equipo máis perigoso aínda, porque aínda que non lle van ben as cousas posúe calidade e está ferido no seu orgullo. A ala-pivot finlandesa Heta Korpivaara, con 20 puntos por partido, xunto coa italiana Elizabeth Repella, son as que maior peso teñen no xogo ofensivo do equipo, e as que máis minutos pasan en pista. Raquel Asensio, Cristina Pedrals e a pívot holandesa Carrie Snikkers, completan o cinco inicial.

Nas locais o clima é ben diferente. Con catro triunfos e cuartas na xeral o Cortegada pasa sen dúbida por un momento doce. Pouco a pouco as xogadoras van crendo no sistema implantado por Pepe Vázquez e semella que todas comezan a ter a súa importancia e o seu papel protagonista dentro dun equipo no que o traballo coral volve a ser fundamental.

As vilagarciáns saben da importancia deste choque que lles deixaría en moi boa disposición de pechar o ano entre as primeiras clasificadas. Antes do parón de Nadal terán que afrontar outros dous partidos na casa, a semana que ven ante Uni Tenerife e o 17 de decemebro ante o actual líder Femenino Cáceres, e entre medias visitar ó último na táboa, o Guadalajara.

Redacción Salnés