O Arosa celebra o venres a súa asemblea de socios

VILAGARCÍA> A actual directiva presentará as contas da última campaña e o presuposto para a que ven. No capítulo de fichaxes agárdanse movementos para finais desta semana.

Este venres o Arosa celebra a súa asemblea de socios na que e fará balance do feito nesta última temporada e mirarase cara a seguinte. Segundo o presidente da entidade vilagarcián, Manuel Abalo, o primeiro paso será presentar as contas do último exercicio, un dos maiores logros da actual directiva. A débeda cos xogadores da 2008/2009 deixará de existir o 31 do presente mes de xullo, día no que se lles fará o derradeiro ingreso.

Ademais, o Arosa afronta tamén o último treito no que a débedas con Facenda se refire. Logo de abonar 10.000 euros o ano pasado, e onte facer un pago de 3.000 euros, agora só restan 6.000, que serán abonados en dous pagos fraccionados ó longo do presente 2011.

A directiva tamén informará sobre o ritmo de venta de abonos para a vindeira temporada. Contan con renovar a meirande parte dos 1.300 socios cos que contaron este ano, para poder chegar á cifra de 1.500. As renovacións de carnets van por bo camiño mentres que xa se teñen dado de alta 100 socios novos.

No aspecto meramente futbolístico, a dirección deportiva continuá na procura de reforzos para o equipo. Coa maioría do plantel do ano pasado renovado, agora toca apuntalar un conxunto no que primará a calidade e a veteranía xunto cos xuventude procedente da canteira. Nas vindeiras horas poderían pecharse dúas fichaxes, un dianteiro centro e un central.

Redacción Salnés