O CD Boiro non estará nos cuartos de final da Copa RFEF

BOIRO> Os boireses perdían por un tanto a dous co Arandina, en partido disputado onte pola noite en Vista Alegre. De nada lles valeu a vantaxe que traían do partido de ida, onde venceran por cero a un. Nunha noite fría e nevoenta, o Club Deportivo Boiro non puido continuar facendo historia, caendo nos oitavos de final da Copa Federación ante o Arandina, a pesar de realizar un bo encontro. Cunha ampla presenza de afeccionados nas bancadas de Vista Alegre, os boirenses comezaron enchufados no partido, levando a iniciativa nos primeiros minutos, tempo no que mesmo chegaron a dispoñer de varias ocasións claras por mediación de Borja e David Añón. Aínda así o primeiro en adiantarse foi o Arandina, cun tanto de Seoane despois dun saque de falta. Corría o minuto quince da primeira metade. O gol foi moi protestado dende as bancadas, ó entender que o xogador burgalés se atopaba en posición antiregulamentaria. Cos xogadores locais aínda diluindo o mazazo do tanto, e a igualdade na eliminatoria, chegaba o segundo gol visitante, convertido por David Álvarez despois dun centro de Zazu dende a parte dereita. Minuto vinte e o Arandina poñíase cero a dous coa eliminatoria xa encarrilada. A reacción dos boirenses non se fixo agardar, e David Añón tivo dúas claras oportunidades, unha delas un man a man co porteiro visitante quen on foi quen de materializar. Na segunda metade o Boiro seguiu intentando darlle a volta á eliminatoria. Varias foron as oportunidades locais, que mesmo viron como o colexiado lles anulaba un tanto por posición de fóra de xogo. A dez minutos para o final o Boiro lograría recurtar distancias. Grazas a un tanto de Rubén Marquez que conseguiu definir dentro da área unha acción colectiva. A partir dese momento os locais viñéronse arriba, buscando xa a desesperada o empate, e con el o pase á seguinte ronda. Neste tempo o propio Rubén Marquez volveu a ter unha nova ocasión, neste caso despois dun saque de falta directo que o gardamallas do Arandina conseguiu desviar. Pero non puido ser e o marcador non se movería. A falla de pegada dos xogadores boirenses privoulles, como está a suceder tamén na Liga, dunha nova vitoria. O valor dobre dos goles en campo contrario valeulle nesta ocasión ó Arandina para meterse en cuartos e de paso acabar co soño do Club Deportivo Boiro.