NOIA> Os rapaces presentáronlle ó alcalde unha longa lista de mocións e propostas para mellorar a calidade de vida no concello.
{flowplayer}barbanza/plenoinfantilnoia.flv{/flowplayer}
Ás dez e media da mañá, o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, daba por iniciada unha sesión plenaria ben distinta ás que estamos acostumados a ver. E é que nesta ocasión non o acompañaban os membros oficiais da corporación, senón que as cadeiras do salón de plenos estaban ocupadas por rapaces de sexto de primaria de tres colexios da localidade: o Alexandre Rodríguez Cadarso, o María Asumpta e o Felipe de Castro, cada un deles coas súas respectivas áreas de goberno.
Nervios
A pesar dos nervios e da timidez inicial, os nenos foron animándose a expoñer as súas propostas relativas na súa maioría ás melloras dos centros educativos, aínda que tamén se interesaron polas iniciativas culturais, a construción dun centro de día e unha gardería, a seguridade cidadá ou o medio ambiente, coa rexeneración da ría e a mellora da zona de Testal.
Coidado bens municipais
O alcalde atendeu con interese todas e cada unha das propostas e mesmo aportou suxestións para facelas máis completas. Ademais incidiu na implicación de todos, tanto pequenos coma maiores, no respecto e no coidado dos bens municipais.
A experiencia foi do máis satisfactoria tanto para os cativos que tiveron ocasión de comprobar como se toman as decisións na política municipal, como tamén para o propio alcalde que, de seguro, nunca presidira unha sesión onde tódalas propostas contaran co apoio unánime da corporación.
Redacción Barbanza