Boas expectativas no arranque da Feira do Libro de Rianxo

RIANXO> O pregón inaugural correu a cargo da xornalista e escritora vilagarciá Montse Fajardo. A feira, emprazada no seu lugar habitual, no Campo de Arriba, prolongarase ata o vindeiro domingo, 25 de xullo.

Por noveno ano consecutivo, a Feira do Libro volve a Rianxo. Organizada pola Federación de Librarías de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña  e o propio concello rianxeiro, a feira prolongarase ata o vindeiro domingo.

Esta mañá tiña lugar a súa inauguración oficial no Campo de Arriba. Un acto que contou coa presenza de distintas autoridades, entre elas, o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ou  responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, así como o propio rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños.

Todos eles destacaron a importancia deste tipo de eventos, para favorecer á reactivación do sector, ó tempo que se fomenta o consumo, facendo tamén unha chamada a veciños e visitantes a acudir a ela, para devolverlle ós escritores e os libreiros o moito que fixeron por nós durante os meses de confinamento.

Actuou de pregoeira oficial da feira, a xornalista e escritora vilagarciá, Montse Fajardo. Na súa intervención aludiu á súa nenez e as seus primeiros contactos cos libros, na imprenta Celta, do seu tío Antonio. Incidindo tamén na importancia da lectura e dos libros.

Na Feira de Rianxo participan un total de seis librarías, entre elas, varias da comarca.

Ó longo dos próximos días, pasarán pola feira máis dunha ducia de autores e ilustradores para presentar os seus traballos e asinar exemplares. A de Rianxo é unha das doce paradas da Feira por distintas localidades galegas ata o vindeiro mes de agosto.

Pero antes de marchar, unha recomendación lectora. Para aqueles que aínda non o teñen claro para este verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí