Ameazados para que poñan máis multas

    produtividadepoliciapobra.jpgPOBRA> Mentres algúns dos policías ven nesta decisión un claro afán recadatorio, dende o executivo negan estes feitos e aluden a que os axentes deben cumprir co seu deber.

    {flowplayer}barbanza/produtividadepoliciapobra.flv{/flowplayer}

    Estas dúas instrucións, asinadas polo propio xefe da Policía Local, Ramón Valiño, unha do pasado 30 de decembro e outra do 10 de xaneiro, nas que se lle requería ós axentes máis man dura cos posibles infractores, son as que desataron a polémica. Varios membros deste corpo amosaron o seu malestar a través dun comunicado anónimo ós medios de comunicación, sinalando sentirse ameazados para que se poñan máis multas, segundo eles nun claro afán recadatorio, por parte do executivo, chegando mesmo a comunicarlles que se lle controlaría a produtividade de cada axente polo número de sancións que impoñan. Esta mañá en rolda de prensa, o alcalde, Isaac Maceiras, conxuntamente co edil responsable de Tráfico, Manuel Fontao, e o xefe da Policía, negaban estes feitos. O único que se pretendían con estas notificacións é atender ás queixas formuladas polos veciños nas que denuncian numerosas infraccións, especialmente por vehículos mal estacionados.

    Segundo o propio xefe da Policía Local, Ramón Valiño, a orde non vai dirixida a tódolos axentes da plantilla, pois a maioría dos policías cumpre axeitadamente co seu traballo.

    Non se abrirán expedientes

    Dende a alcaldía aseguraron que non vai abrirse expediente algún a eses axentes ‘pouco efectivos’. Aínda así o que parece claro é que existe un problema de comunicación dentro da propia plantilla, cando dende a xefatura se ten que recorrer a este tipo de ordes para esixirlle ós axentes que cumpran, nin máis nin menos, que co seu traballo.

    Redacción Barbanza