O BNG pide que o Concello asuma a xestión directa da piscina da Cachada

    BOIRO> A solicitude dos nacionalistas prodúcese despois do vencemento do contrato coa empresa encargada do servizo e antes de que se saque novamente a licitación. Atendendo ás demandas dos propios usuarios das instalacións que dende hai tempo veñen manifestando as súas queixas polo mal funcionamento da piscina, o BNG solicitará no vindeiro pleno que o Concello asuma a xestión directa do complexo deportivo da Cachada. Para os nacionalistas esta sería a mellor maneira de garantir a calidade do servizo á veciñanza, xa que as empresas privadas só pensan no seu beneficio económico. Fano precisamente agora unha vez concluído o contrato coa empresa e cando o equipo de goberno ten previsto sacar a concurso unha nova licitación. Dende a formación frentista sinalan que as críticas polo mal funcionamento das instalacións non van contra o seu persoal, que si cumpre co seu cometido, que mesmo coa municipalización do servizo vería mellorado tamén as súas condicións de traballo.