A Pobra ofrece servizos gratuítos de dixitalización ás pemes a través da cooperativa Kracia

A POBRA> A cooperativa Kracia ofrecerá servizos de dixitalización ás pequenas e medianas empresas  da Pobra. Trátase dun proxecto impulsado pola concellería de Promoción Económica para mellorar a transformación dixital do tecido empresarial do municipio.

Co obxectivo de tecer redes entre os emprendedores instalados no coworking da Pobra e o resto de empresas do municipio, o concello porá en marcha un servizo de dixitalización impartido pola cooperativa Kracia. A empresa ofrecerá de balde ata un total de 60 servizos en contraprestación polo usos das instalacións do coworking.

Polo momento, xa hai nove empresas inscritas pero o obxectivo do concello é incrementar ese número polo que o próximo día 24 desenvolveranse dúas charlas informativas para dar a coñecer os servizos dispoñibles.

Cada unha das empresas inscritas poderá solicitar un servizo que van dende auditorías web ata mellora de posicionamento en buscadores ou redes sociais. Non vai dirixido unicamente a aquelas empresas que aínda non teñen presenza dixital senón tamén a aquelas xa inmersas no proceso que precisen asesoramento.