O PP de Noia require transparencia ó goberno no acceso á documentación

    NOIA> O PP de Noia denuncia prácticas irregulares e falla de transparencia por parte do goberno municipal. Levan semanas solicitando documentación sobre varios expedientes que xa deberían terse presentado no pleno de principios de mes. Na convocatoria do último pleno, a principios de agosto, non se incluía a dación de contas das resolucións de alcaldía nin as actas das xuntas de goberno. Xa durante a celebración da sesión, os populares fixeron saber ó goberno que está obrigado por lei a dar conta ó pleno polo que lle requiriron a información pertinente, pola que a día de hoxe seguen agardando. Dende a agrupación popular consideran que esta falla de transparencia está a obstaculizar a función fiscalizadora da oposición. Máxime cando, advirten, hai expedientes con informes negativos de intervención por presuntas irregularidades nas contratacións. Os populares instan ó executivo a facilitarlle a documentación requirida antes do próximo pleno. De non ser así intensificarán a denuncia para poder acceder ós expedientes municipais.