A xunta decreta tres días de loito polo pasamento de Fraga

    FEIJOOFRAGA copia.jpg SALNÉS> Mañá será soterrado na localidade coruñesa de Perbes, onde adoitaba veranear e onde tamén descansa a súa dona falecida.

    {flowplayer}images/salnes/soparaadianto_TOTALFEIJOO.flv{/flowplayer}

    O goberno galego decretou esta mañá tres días de loito oficial polo pasamento do expresidente autonómico. Tras unha reunión extraordinaria do consello da Xunta, o actual xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijoo, leu unha declaración institucional na que amosou a súa tristura pola morte do político de Vilalba. Del destacou o seu sentido de Estado e a súa capacidade de conciliación.

    As mensaxes de condolencia seguíronse desde as máis diversas institucións políticas e sociais. Desde o Parlamento galego, a súa presidenta Pilar Rojo quixo render homenaxe a quen foi presidente da Xunta durante catro lexislaturas mediante un comunicado no que di de Fraga que pasará á historia como un home de Estado, e destaca a súa capacidade de traballo, as súas fondas conviccións éticas e a súa vasta cultura. Desde o PPdG o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, dixo que este país ten unha débeda de gratitude co que foi o responsable da maior modernización de Galicia, mentres que desde outros estamentos como a Federación Galega de Municipios e Provincias lamentan o pasamento de Fraga destacándoo como un gran municipalista e un dos encargados de impulsar a creación desta entidade. No pazo de Raxoi en Santiago, a Xunta puxo a disposición dos cidadáns un libro de condolencias para todas aquelas persoas que queiran amosar o seu pesar á familia.

    Enterro en Galicia

    O presidente fundador do PP está a ser velado na súa residencia en Madrid por expreso desexo da familia. Mañá será soterrado aquí en Galicia, ás cinco da tarde na localidade coruñesa de Perbes, onde adoitaba veranear e onde tamén descansa a súa dona falecida.

    Redacción Salnés