O alcalde da Illa propón destinar a alugueiro para xente moza o edificio decomisado a Marcial Dorado

A ILLA > O alcalde da Illa propón destinar a alugueiro para a mocidade todas as vivendas do edificio decomisado ao narcotraficante Marcial Dorado e que agora vai mercar o concello. Luis Arosa celebra o resultado desta operación co Plan Nacional sobre Drogas, que lle permitirá ao municipio facerse con este inmoble por 1,3 millóns de euros. Unha vez materializado ese acordo, o obxectivo do concello é poñer o edificio a disposición da Xunta, para que sexa o goberno galego o que asuma a súa rehabilitación.

Este é o inmoble que A Illa vai adquirir ao Plan Nacional sobre Drogas para convertelo en vivenda pública. A operación pechouse nas últimas horas. O concello vaise facer con este edificio, decomisado ao narcotraficante Marcial Dorado, por 1,3 millóns de euros, cun pagamento aprazado a dez anos que comezará a pagarse en 2027.

O inmoble xa foi retirado da poxa prevista para novembro. Agora, unha vez formalizado ese acordo, a idea do concello é poñelo a disposición da Xunta, que é quen ten as competencias en materia de vivenda, para que asuma a súa rehabilitación.

O alcalde solicitará unha reunión coa Conselleira de Vivenda para trasladarlle a súa proposta. Tamén a súa idea de que os 15 pisos, así como os baixos comerciais que tamén se poden converter en vivendas, se ofrezan á veciñanza máis moza en réxime de alugueiro.

Ao mesmo tempo, o concello ten tamén a vista posta na parcela da Ponte, tamén decomisada a Marcial Dorado, onde queren construír outras 70 vivendas públicas. O alcalde lamenta a actitude da Xunta con este proxecto en comparación con outros municipios.

E, apunta o alcalde, noutros municipios o goberno galego está a declarar actuacións como esta PIA, proxecto de interese autonómico, o que permite axilizar os trámites urbanísticos.