![]()
SANXENXO> Entraron ó mediodía mentre os donos saíron a dar unha volta polas inmediacións da casa.
{flowplayer}images/salnes/roubos_sanxenxo_070312.flv{/flowplayer}
A Garda Civil de Sanxenxo investiga o roubo nun domicilio particular da localidade acontecido a plena luz do día o pasado luns. Os cacos fixéronse cun cuantioso botín, entre diñeiro en efectivo e xoias, na súa maioría de ouro.
Foi entre as doce e a unha menos cuarto do mediodía, xusto no momento en que os donos saíron a dar unha volta polas inmediacións da casa. Moi afectados, hoxe non quixeron facer ningunha declaración ante os medios. Un dos fillos da parella indicou a Canal Rías Baixas que sospeitan que detrás deste roubo pode haber un grupo organizado e que tiveron que ter vixiado a vivenda antes de dar co momento preciso de entrar. Sinalou que na casa sempre hai xente, pero que os seus propietarios adoitan dar un paseo tódolos días, normalmente dunha hora. E precisamente o día do roubo, estiveron menos tempo, porque ata deixaran comida ó lume na cociña.
Sospeitan que os ladróns entraron pola porta do xardín, que estaba sen fechar. Cando os propietarios volveron á casa atopáronse con todo revolto e as portas das habitacións forzadas, e notaron en falta xoias e diñeiro en efectivo. A Garda Civil xa deu conta do suceso nos Xulgados de Cambados.
Non foi o único roubo acontecido estes días. No Grove, as vítimas están a ser os bares. Os ladróns entran de noite e estanse a levar o diñeiro das máquinas comecartos e das caixas rexistradoras. En Meis roubaron ferramentas e garrafas de combustible nun garaxe e en Barro nunha casa particular pero non chegaron a levarse efectos de valor porque un dos inquilinos sorprendeu ós ladróns.
Redacción Salnés









