Verónica Miguéns remata terceira no inicio do nacional

SALNÉS> Arrancou o Campionato de España de Trial Femenino. A primeira proba tivo lugar na localidade cordobesa de Posadas e alí estivo participando Verónica Miguéns. A piloto vilagarcián rematou terceira na categoría Féminas B.

Bo comezo de nacional para Verónica Miguéns que trala grave caída sufrida a temporada pasada, nesta intenta recuperar o seu mellor nivel. Ademais, nesta ocasión acudíu á cita con problemas nas cervicais, polo que non se atopaba ó cen por cen das súas facultades físicas.

Con todo, a piloto vilagarcián fixo unha boa primeira volta e colocouse terceira. Pese a mellorar na segunda, iso non lle servíu para remontar ningunha posición e finalizou terceira.

A carreira constou de 12 zonas polas que os pilotos tiveron que pasar dúas veces. As catro primeiras fixéronse ó carón dun río, que contaba con pedras esbaradizas. As seguintes sobre terra e pedras de canteira mentres que as últimas eran nunha zona indoor situada dentro do velódromo municipal de Posadas.

Despois de 2.000 quilómetros de estrada, a vindeira semana o desprazamento será moito máis cómodo para Verónica e o seu equipo. Disputará en Ourense a Copa Galega de Trial de Clásicas xunto ó seu irmán Carlos, que será o participante máis xoven na categoría Sénior A.

O Campionato de España de Trial de Féminas retomarase o día 16 de setembro, na localidade barcelonesa de Vilanova de Camí.

Redacción Salnés