Unhas vinte embarcacións participarán na X Regata Gadis

RIBEIRA> A cita, organizada polo Club Náutico de Ribeira, terá lugar este próximo sábado. Coa chegada da tempada estival, dá inicio o calendario de regatas na ría de Arousa. Unha das primeiras citas será a Regata Gadis-Concello de Ribeira, que chega este ano á súa décima edición. Organizada polo Club Náutico de Ribeira a proba reunirá este sábado ó redor dunhas vinte embarcacións pertencentes a distintos clubs da zona. Os grupos en competición serán: regata, cruceiro-regata e cruceiro, contemplándose un percorrido costeiro dunhas dezaseis millas. A regata volverá a contar co patrocinio da empresa Gadis, que un ano máis mostra o seu compromiso con este tipo de probas deportivas. A competición arrancará ó redor das dúas da tarde e a entrega de trofeos está prevista para as oito.