O Torneo Solidario Internacional de Fútbol Base celebrarase finalmente en Rianxo

RIANXO> O campionato, que chega este ano á súa segunda edición, cambiará de emprazamento pola falla de compromiso do concello pobrense. Terá lugar a fin de semana do 17 e 18 de maio no campo municipal de Vilas.

A tardanza e a falla de compromiso por parte do concello da Pobra, que non contestou á solicitude realizada no seu día para poder volver a empregar as instalacións do campo de fútbol da Alta para a disputa do Torneo, levou á organización a ter que buscar novo emprazamento. Despois de tocar a algunhas portas e vendo o apoio e colaboración mostrada polo concello de Rianxo e o Club Deportivo Unión optouse polo cambio.

Outra das novidades desta edición será a entidade destinataria da recadación do torneo que volve a ter un fin solidario. Será a fundación Aladina, que traballa no coidado de nenos con cancro.

No aspecto deportivo xa está practicamente todo pechado. Serán ó redor duns cincuenta equipos de categoría benxamín e alevín entre os que se atopan ademais dos clubs da zona, equipos coma Sporting de Gijón, Villareal, Celta ou o Deportivo e tamén de fóra coma o Oporto, o Benfica ou o Fullham, un dos últimos que confirmou asistencia.

A celebración deste torneo, un dos de maior prestixio dos que se celebran na zona, será posible tamén grazas as aportacións que realizan ó redor dunhas cen empresas e entidades colaboradoras como é o caso de Jealsa-Rianxeira, Congalsa , Ferdoba, Pavimentos Noia ou Clínica Gonzalo Castro, entre outras.

Comments are closed.