A Dorna Meca organiza mañá a XIV Regata dos Faros

O GROVE> A Asociación Amigos da Dorna Meca organiza este sábado a XIV Regata dos Faros. Embarcacións das diferentes rías galegas están chamadas a participar nesta nova edición da proba, que sairá mañá sábado do porto do Grove, ás 16:00.

Se ben a pasada fin de semana a cita coa cultura mariñeira tiña o seu emprazamento no porto de Carril, este sábado todas as miradas se dirixirán ao Grove, xa que alí terá lugar un dos eventos máis representativos dos organizados no ámbito das embarcacións tradicionais, como son as regatas de dornas a vela, neste caso a dos Faros.

Está previsto que cheguen a augas mecas dornas e tripulacións de numerosas entidades das rías de Arousa e Pontevedra. Ademais de 14 embarcacións polbeiras estarán representados colectivos como o Clube Mariño Salnés e Asociación Mar do Bohido, de Cambados; Amigos da Dorna de Portonovo; Lajareu por Barlovento, de Ribeira; Dorna e Fasquia, ambas da Illa de Arousa, ou a Asociación Rabandeira, de Vilanova de Arousa.

A proba dará comezo ás 16:00 no Porto do Grove. A saída será cara a baliza do Árido. Logo as dornas tomarán rumbo cara o faro das Lobeiras, a continuación pasarán polo faro das Umias para realizar despois unha virada nas proximidades de Meloxo e xa dirixirse á chegada, que será tamén no Porto do Grove.

Esta regata desde hai uns anos convirteuse na aportación que fai Amigos da Dorna Meca ao programa das Festas do Carme. A proba adiantouse a esta fin de semana ó coincidir este ano coa procesión marítima en sábado.

Redacción Salnés