PONTEVEDRA> Quedou visto para sentencia o xuízo contra catro mozos acusados de trapicheo de droga. Marcos Maxí, alias ‘Mortadelo’ foi o único que se declarou inocente …
{flowplayer}images/salnes/xuizo_trapicheo_audiencia_080312.flv{/flowplayer}
… e dixo ademais non recoñecer ós outros implicados.
Na vista desta mañá escoitáronse varias conversas telefónicas de Marcos, coas que o fiscal Luís María Uriarte considera probado que se dedicaba á venda habitual de hachís. Sen embargo o acusado dixo non recoñecer a súa voz e mesmo que o móbil intervido non era o seu.
No xuízo declararon como testemuñas varios axentes de policía nacional que viñan investigando a Marcos e que en decembro de 2007 o detiveron nunha estrada de Porriño, cando viña de Sevilla. Explicaron que montaron un dispositivo para interceptalo porque sabían que fora alí a adquirir tres quilos de hachís. Pero no rexistro inicial de Marcos e do seu BMW non atoparon nada. Non recordaron quen levou ó detido nin ó seu coche á comisaría de Pontevedra, pero si que eles quedaron a custodiar a zona, na que ó amencer atoparon a droga.
Outro dos axentes sinalou ademais que o propio Marcos recoñeceu en varias ocasións na comisaría que levaba a droga e que a tirara pola ventanilla ó interceptar ós policías.
Marcos Maxí negou en todo momento os feitos e mesmo asegurou que trala súa detención non quedou ningún axente custodiando a zona, e que o rexistro que se fixo para atopar a droga se efectuou sen estar el presente nin o seu avogado, que xa tiña solicitado.
A fiscalía mantivo a pena de catro anos de prisión para Marcos Maxí pero rebaixou a solicitada para os outros tres mozos, tras recoñecérense culpables. Para Rubén, de Sanxenxo pide 2 anos de prisión; para Mónica, de Vilagarcía un ano e 11 meses, e para Damián, de Porriño, 3 anos.
Redacción Salnés