Sube o paro en Galicia e tamén en Arousa

    AROUSA> O número de parados sitúase en Arousa nas 14.386 persoas, 733 persoas máis que no mes anterior. Setembro volve a deixar cifras negativas en canto á creación de emprego. O número de desempregados volve a medrar en Arousa, segundo os datos do ministerio de Emprego, situándose nas 14.386 persoas, 733 máis que no mes anterior. Uns datos que dende a CIG agardaban, unha vez rematada a tempada estival, e con ela a rescisión de moitos contratos temporais en sectores como o comercio e a hostalería. No Salnés destruíronse durante o pasado mes de setembro 543 empregos, sendo os concellos do Grove e Cambados os que presentan un índice maior de desempregados con 158 e 107 parados máis respectivamente. Outros Concellos desta comarca nos que aumentou tamén o paro foron Meaño con 69, Ribadumia 49 e Vilagarcía 44. Aínda así non son todos datos negativos, houbo municipios coma Catoira, 11, Valga, 9, e Pontecesures, 2, nos que si se creou emprego. En canto ás comarcas do Barbanza e Muros-Noia a situación é moi semellante á do Salnés, aumentando o número de parados o pasado mes de setembro en 190 persoas. Por concellos onde máis se destruíu emprego foi Boiro con 69 desempregados máis, seguido de Pobra do Caramiñal con 47 e Ribeira con 44. O dato positivo obtémolo en Noia onde si se xerou emprego con respecto ó mes anterior, cun total de nove persoas máis que atoparon traballo.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí