![]()
SALNÉS/BARBANZA> Tamén está decretado o nivel de alarma amarelo por forte vento de compoñente oeste que roldará a forza sete.
A borrasca que entrou hoxe en Galicia en varrerá mañá toda a comunidade vai deixar unha situación de especial inestabilidade no mar. Está decretado o nivel de alerta vermella, é dicir, de máximo risco, en todo o litoral da provincia da Coruña. Desde mañá ás doce da mañá e ata a media da noite rexistrarase mar de fondo do noroeste que deixará ondas de ata oito metros de altura, co que a flota deberá permanecer amarrada por precaución.
Na zona das Rías Baixas a alerta será de nivel laranxa, rexistrándose ondas de máis de catro metros desde esta media noite que poderían acadar os oito na tarde de mañá. Á vez, en toda a costa galega manterase tamén acendida a alerta amarela por forte vento que virá de compoñente oeste con refachos que poden acadar forza sete.
En principio prevese que o aviso por mar de fondo continúe na xornada do xoves para todo o litoral galego. Será desta volta de nivel laranxa, agardándose ondas que de novo poderían superar os catro metros de altura. Segundo a información ofrecida por Meteogalicia, a influencia da borrasca situada ó sur das Illas Británicas farán que as chuvias sigan caendo na nosa comunidade cando menos ata a fin de semana.
Redacción Salnés







