MEIS> Éxito na celebración na Semana Santa de Paradela. Dende o concello sinalan que a asistencia de visitantes superou incluso a da algún ano pre pandemia. As representacións destacaron pola súa modernidade coa utilización de fumes e globos.
O concello de Meis, e especialmente a parroquia de Paradela, agardaba con ilusión o regreso das celebracións de Semana Santa. As representacións dos últimos días de Xesús chaman a atención de numerosos veciños da comarca e de toda a provincia que non se queren perder as actuacións de Paradela. Cualificada como festa de interese autonómico, o seu regreso foi un éxito.
A pesar de ter pouco tempo para preparar todo, os veciños e veciñas de Meis que actúan nas representación ensaiaron todo o posible para que as representacións volveran a ser un éxito. Ademais este ano incluíron novidades como efectos especiais e globos en lugar de pombas.
As celebracións de Semana Santa e o bo tempo influíron a que numerosas persoas elixisen Meis para achegarse nas súas vacacións.
Dende o concello agardan que para o ano, coa mellora da situación epidemiolóxica e con tempo de marxe para preparar máis novidades, a Semana Santa volva a ser un éxito en Meis.